Destacamos

Secretario Nacional: Estamos ante un novo tempo, un novo modelo de participación...
Seguir lendo...
 

Formulario de acceso






¿Recuperar clave?
¿Quere rexistrarse? Rexístrese aquí

Calendario

Setembro 2010
L M X X V S D
30 31 1 2 3 4 5
6 7 8 9 10 11 12
13 14 15 16 17 18 19
20 21 22 23 24 25 26
27 28 29 30 1 2 3

Sindicación

Inicio
INTERVENCIÓN DO SECRETARIO NACIONAL

Falabamos antes deste proceso electoral do novidoso da situación que nos tocaba enfrontar. Certamente, coido que tanto por nova, canto polo fracaso que supuxo, colocounos nunha situación ben delicada, o nacionalismo contra as cordas a primeira de cambio, despois de ter chegado a unha meta longamente anceiada, ao goberno da Nazón, da nosa Nazón.

Foto Xosé Chorén Se ben é importante analisar con certo detemento o estrepitoso fracaso que vimos de ter vivido, perdemos un 13% do voto, compartiredes conmigo que non é menos importante facer unha análise profunda do futuro a curto e medio prazo.

O noso paso polo goberno, rodeado de luces e sombras, rematou cargado de sombras que lle impedíron a cidadanía valorar luces, que algunhas houbo, polas que moitos levamos toda unha vida, non só traballando, senón soñando e para as que naceu esta ferramenta chamada BNG.

Na acción do goberno cometéronse erros graves, mesmo diría gravísimos, de deseño, de fondo e de forma. Abrimos tantas frontes de batalla que non tivemos capacidade para defender, non só as nosas posicións, senón que tan sequera fomos capaces de garantir fórmulas de comunicación cara a militancia e cara o resto da cidadanía. Ao fin,todo se ía quedando na parte conflictiva que aupaban, ben o PP ben o PSOE. Asumir como propias decisións como a consolidación dos níveis 30 dos cargos de confianza da Xunta, foi realmente grave, tanto que xa nos separou dende os inicios da nosa base sindical na Administración e deu, cara a sociedade, unha imaxe de “trágala” que nunca formara parte da cultura do BNG. Non ser capaces de manter unha relación minimamente cordial e de colaboración co SLG, é realmente o reflexo de como os debates internos da nosa organización se trasladaban ao exercicio do goberno, e non valen panos quentes, non so hai responsabilidades pola crise permanente que se viviu, senón que agora perdemos o goberno e deixamos seriamente debilitada unha ferramenta que máis aló de quen a dirixa é patrimonio do mundo rural galego, en definitiva deste País.

Xogar a facer política desideoloxizada e desenfocada, dándolle prioridade a relacións dos nosos cargos públicos con espazos sociais que non forman, que nunca formaron parte da nosa base social e electoral, foi seguramente o máis grande dos erros cometidos. Nunca se soubo diferenciar entre a correcta relación institucional, loxicamente aberta a toda a sociedade, e o traballo a fondo e comprometido nos entornos históricos do nacionalismo e da esquerda, onde, se queira ou non, xermolou o noso corpus e a nosa historia. O resultado foi absolutamente catastrófico. Nen fomos quen de atraer para o noso proxecto a eses sectores de trato privilexiado, nen quen de demostrarlle á nosa xente que os primeiros na nosa xestión e na nosa forma de entender o País, sempre serían eles, os que a cotío nos deron o seu voto, os que formaron parte dese exercito militante na rúa para defender a penalizada voz do BNG, os que dende a súa actividade sindical, dende a súa actividade profesional, en definitiva dende a súa vida diaria, levan ao BNG e a Galiza na cabeza e no corazón. Eses foron os grandes defraudados!!!!!!!.

Non digo nada novidoso se poño enriba da mesa a falta de comunicación entre a nosa xente do goberno e a nosa militancia. Houbo tanta distancia que case non se chegaron a coñecer. Xa nos prolegómenos das eleccións cometer erros como non ser quen de medir os tempos en actuacións como a posta en marcha do XORNAL, ou non buscar fórmulas para evitar o conflicto coa Voz, lanzar un concurso-oposición con rexeite no entorno sindical etc. etc. etc., foron o broche a toda unha longa serie de feitos totalmente desafortunados que, de seguro, pesaron no resultado final que nos tocou sufrir.

Non esquezamos que chegamos ao ecuador da campaña, completamente fóra da mesma, atacados miserabelmente, máis recoñezamos en parte que certos actos propios permitiron chegar a tal situación. En definitiva chegamos ao 1 de marzo co noso discurso oculto por mísiles mediáticos e sobre todo sen a nosa histórica aureola diferenciadora do resto das formacións políticas.

Nas luces, houbo iniciativas que entendo transformadoras, de futuro e realmente comprometidas co País, velaí as Normas do Hábitat, as Galescolas, a Lei dos Servizos Sociais e o Consorcio, o Decreto Eólico…; todas elas ferramentas que, desenvolvidas no tempo, convertiríanse en piares transformadores da Galiza social, dinámica e moderna. Mesmamente aquí faltounos certa habilidade para vender o noso traballo e non estar permanentemente defendéndonos das acusacións que tamén encabezaban os nosos socios de goberno. Así non se pode dar traslado da política do BNG á cidadanía, facela entendíbel e críbel e moito menos consolidala no tempo.


Se falamos da nosa vida interna, neste tempo a realidade é que tamén estragamos unha boa parte da esencia fundacional da Fronte. Seguindo as distancias que antes mencionei, houbo quen tivo a feliz idea de afastar á militancia do que seguramente é, o acto máis importante e relevante para o nacionalismo, a Asemblea Nacional. E non caben a estas horas, peregrinos argumentos de espazo, custos e demáis. Cabe reflexionar sobre o grave erro que esta decisión supuxo e cabe asumir a responsabilidade de enmendalo. Aquí non caben meias tintas. Quen defenda esta fórmula participativa, un paso á fronte, quen non tamén debe dicilo e asumilo explicándolle á nosa militancia as virtudes dun modelo que prefabrica os resultados nas comarcas, e que, os condea a gañar a confianza dos aparatos comarcais ou como moito a súa participación remata na súa localidade, ao sumo na comarca.

Fiando pola mesma costura é claro que a convivencia interna sufriu o nunca visto, houbo reiteración en todo tipo de ataques para dar sepultura á pluralidade real do BNG. Amparándose en mudar a esencia e a forma de toma de decisións, atacouse e mesmo se quixo finiquitar a certas partes da Fronte. Si Compañeiros e Compañeiras, da Fronte, por que isto é unha fronte, unha fórmula realmente única pero con certa tinta de concentración nacional que, como ben acabamos de ver, sigue sendo de perentoria necesidade. Acaso alguén coida que non é preciso manter este modelo de ferramenta nacional para embocar o futuro?. Eu, que levo aquí toda a miña vida, non son quen de ver nada mellor, por elo estou onde estou e loito por darlle alento ao BNG, o noso BNG. Teño claro que a pluralidade interna ten que ver co corolario social que temos aí fora, si aí fora, onde de pouco serven as tirapuxas e os bailes de salón que algúns se queren marcar de portas adentro. Non dubidedes que o fortalecemento das partes do BNG é o fortalecemento do propio BNG. A cidadanía se se aproxima a unha das partes tamén se aproxima ao conxunto. Se sinte como seu un espazo, sínte como seu ao BNG. Polo tanto estamos facendo organización, fortalecéndoa, facendo que sexa unha fiestra aberta a sociedade. Pola contra se a percepción é a de marxinación dunha o de varias das partes, se a percepción é que certos espazos ideolóxicos son perseguidos e non teñen cabida no seo da fronte, o que se consigue é simplesmente o astío, o afastamento de xente que aportou, aporta ou pode aportar no futuro moito, moitísimo ao movemento nacional e ao BNG. En definitiva o que se consigue é colocar ao BNG en franxas electorais marxinais, lonxe das históricas aspiracións de conquerir a autodeterminación para a nosa Nazón.

Remato xa, Compañeiros e Compañeiras, apostando pola Asemblea Nacional aberta e comezando a renovación orgánica polo Portavoz Nacional e a súa Executiva. Estamos logo, se así o facemos, poñendo os alicerces dun novo tempo para a nosa organización, pero sobre todo, estamos ofrecéndolle a Galiza a mellor ferramenta para gardar o seu corpo e o seu espíritu.

Adiante cos documentos, pero con prazos, con compromisos e con decisións que lle leven alento á cidadanía, e dignidade para a nosa xente.

Para todo isto, contade con Esquerda Nacionalista e co seu traballo.

Xosé Chorén Vazquez.
Secretário Nacional de Esquerda Nacionalista

 
< Anterior   Seguinte >
Enlace con

Enquisa

Considera necesaria unha nova organización nacionalista fóra e independente do BNG?
 

AFILIATE

Enlace con
Enlace con