|
Homenaxe a Miguel Mato Fondo. Compañeiro de singradura en Esquerda Nacionalista
A Asociación Cultural Monte Branco e a Fundación Eduardo Pondal rendéronlle homenaxe en Ponteceso ao profesor e escritor Miguel Mato Fondo, fillo egrexio da vila do Anllóns. E hai que felicitar ás dúas institucións pontecesás por teren reparado, con grande acerto, en Miguel Mato (1953) para levar a cabo un recoñecemento público do labor literario e a prol da cultura que o escritor realizou no tempo e realiza na actualidade. As homenaxes aos escritores vivos, cando son xustas e merecidas, convértense nun acto de reafirmación da vida e do traballo dos creadores e constitúen, como é o caso de Ponteceso, unha celebración viva e popular, entrañábel e participativa, lonxe das retóricas post mortem ás que estamos tan acostumados nestes país dos solpores. O caso é que a Fundación Eduardo Pondal, con sede física no Couto, na que fora casa reitoral de Cospindo, editou para a ocasión unha Antoloxía da obra literaria de Miguel Mato, inaugurando así unha liña editorial que terá continuidade no futuro. Teresa Seara, prologuista da obra, di moi ben que no autor pontecesán a poesía, a narrativa, o ensaio e os estudos se comunican entre si, "establecendo unha rede de relacións intrínsecas e marabillosas que nos guían a un imaxinario rico e pleno de presenzas literarias, persoais, fantásticas, culturalistas, tradicionais e modernas á vez". E así é. O universo literario de Miguel Mato tínxese de todo iso e faino de xeito admirábel. Mais a prologuista tamén acerta, recorrendo a unha cita do propio escritor, cando pon por riba de todo -poética máxima- a fonda relación que o poeta ten coa terra: "Escribir a terra. Facer sentir que funciona como unha marca no curso da escrita, na procura dun espazo de liberdade para escribir, para ser, para sentir". Para "sentir", di o autor de O Whiskey na barrica. E talvez por iso eu achei de menos na Antoloxía ese espléndido poema de Miguel Mato que se titula Teoría das chuvas e no que fala dunha chuva grosa e silenciosa, "como cando pasas as follas dos libros antigos".
Por Miguel Anxo Fernán Vello
|