|
Inicio
|
|
A VOLTA AO GHETO LINGÜISTICO |
É indiscutíbel que nos últimos meses as noticias que se refiren á lingua non son precisamente para botar foguetes festeiros. Primeiro, unha nova entrega do Mapa Sociolingüístico Galego, elaborado polo Seminario de Sociolingüística da RAG, corroboraba que a tendencia á perda acelerada do galego como lingua das camadas máis novas da sociedade seguía acrecentándose. Dito doutra maneira, os datos confirman que este país continúa avanzando paso a paso polo inexorábel camiño cara o suicidio lingüístico e, permítaseme o sarcasmo, todo isto a pesar das supostas medidas discriminatorias que se levaron adiante no ensino, cunha administración e un profesorado obsesionados en traumatizar o indefenso e fráxil alumnado cun látigo de sete puntas chamado galego.
En segundo lugar, e non menos preocupante, a forza política que gañou as eleccións concentrou as súas propostas en materia de lingua, non nas medidas que pretendía levar adiante para cumprir co Plano Xeral de Normalización Lingüística que aprobou cos seus votos no Parlamento Galego, senón na promesa de tirar por terra, coa harmonía ou coa amabilidade lingüística que se queira, as, como se ve, insuficientes medidas adoptadas polo Goberno anterior para o ensino, sendo como é un ámbito de especial transcendencia para a recuperación de usos e a ampliación de competencias lingüísticas entre a xente nova. Patético. E todo por un puñado de votos. Emprestados, dixo o novo conselleiro de Educación.
Mais, como se o panorama non fose xa abondo escuro, a última entrega chegaba nestes días coa volta do departamento de Política Lingüística á Consellaría de Educación, cando no organigrama do anterior goberno tiña o rango de secretaría xeral, inserida dentro da Consellería de Presidencia. A primeira lectura é que por detrás hai unha concepción reducionista da acción institucional en materia de política lingüística, que en nada vai favorecer a súa capacidade para estimular a normalización noutros ámbitos da vida colectiva. Limitada ao gueto do ámbito educativo, a acción institucional vai ter, como no pasado, serios problemas para poder incidir no avanzo do uso do idioma en esferas como as da xustiza, a sanidade, o mundo da actividade económica ou os medios de comunicación.
No Amazonas peruano, os xíbaros reducían as cabezas dos seus inimigos e gardábanas como trofeos e amuletos. O galego e a súa normalización non poden ser ningunha das dúas cousas.
|
|
|
AFILIATE
|