|
Por Pedro Gómez-Valadés, Secretario de Comunicación da Executiva Nacional de Esquerda Nacionalista
Nunha entrevista emitida pola televisión poucos anos antes da súa morte, Violela Friedman, (Transilvania 1930 - Madrid 2000) dicía que o principal reto, a encomenda que ela quería transmitir ás novas xeracións, era a de que o que ela denominaba “o ruído insoportábel da historia” non conseguira apagar as voces dos sobreviventes do Holocausto. Da Soáh na milenaria lingua Hebrea. Esa é a principal tarefa que como demócratas e militantes na nosa condición humana, debemos marcarnos cada 27 de xaneiro.
Hai agora 65 anos que a División 100 do Exército Vermello entrou en Auschwitz-Birkenau. Esa inmensa fábrica de morte que é símbolo perpetuo e universal da infamia. E digo entrou en Auschwitz porque entendo excesivo denominar liberación á entrada nun campo de exterminio, no que ficaban neses intres só pouco máis de 2000 xudeus vivos, nunha factoría que tivo nos anos a pleno rendimento a negra marca de aniquilar a máis de millón e medio de seres humanos. Homes, mulleres e nenos.
Preguntábanme amigos que sentira cando visitei Auschwitz por ver primeira. En verdade é moi dificil de explicar, debería ser eu un orfebre da palabra que non son, para poder transmitir en verbas, algo tan humano, ao que pisando a terra de Auschwitz sentín. Mais se tivera que trasladar a unha frase os pensamentos que me invadiron neses momentos, eses foron que Auschwitz era fisterra. Que ese inmenso campo non era parte deste mundo. Porque Auschwitz-Birkenau foi un proxecto destinado e eficientemente programado para o esquecemento: non tiña que ficar nin rastro das vítimas. Porque sen soporte físico, debía así desaparecer a significación cultural do Pobo Xudeu e a súa contribución á historia de Europa e da humanidade. Tratábase de perpetrar un crime de tal magnitude que, aínda que alguén conseguira eludir a cámara de gas e poidese dar testemuño, ninguén podería darlle credito pola desmesura do contado.
A persecución e o asasinato sistemático, burocráticamente organizado e auspiciado polo Estado de millóns de seres humanos, polo “delicto” de ser e non por “ter cometido” é a culminación da maldade a que uns homes poden someter a outros homes.
Atribúese ao historiador Simón Dubnow dicirlle aos xudeus que aínda seguían con vida no guetto de Riga cando era conducido para ser asasinado o 8 de decembro de 1941: "Yidn, schreibt!!" (Xudeus, escriban!!).
Esa é a nosa labor. Ler e sentir o que escribiron e manter o facho aceso da súa memoria. Porque esquecelos, esquecer no que no corazón das nosas Europas sucedeu hai agora só 65 anos é asasinar por segunda vez aos mortos na barbarie nazi.
Quero aproveitar, non podo rematar estas liñas, sen demandar da nosa Casa Común como galegas e galegos, do noso Parlamento de Galicia, sensibilidade. Que este ano 2010 non cometa o erro sen nome do esquecemento.
Primo Levi. Sobrevivente do Holocausto en Auschwitz.
Se isto é un home
Os que vivides seguros Nas vosas casas caldeadas Os que vos atopades, ao volver pola tarde, A comida quente e os rostros amigos: Considerade se isto é un home Quen traballa na lama Quen non coñece a paz Quen loita pola metade dun paneciño Quen morre por un si ou por un non. Considerade se é unha muller Quen non ten cabelos nin nome Nin forzas para lembralo Baleira a mirada e frío o regazo Como unha ra invernal. Pensade que isto sucedeu: Encoméndovos estas palabras. Gravádeas nos vosos corazóns Ao estar na casa, ao ir pola rúa, Ao deitarvos, ao levantarvos; Repetídellas aos vosos fillos. Ou que a vosa casa se derrube, A enfermidade vos imposibilíte, Que os vosos descendentes vos viren o rostro.

|